Saltar navegación
Concello de Rodeiro
 

Concello de Rodeiro :: Novas

Recollida de plástico agrícola (Plástico de silo e de invernadoiro)

08 / 02 / 2015

Tal e como se indicou no folleto informativo enviado anteriormente, e debido a que non se poden depositar os residuos de plástico agrícola no punto de acopio de Carboentes, por mor do mal uso que se estaba facendo do mesmo, o Concello pon en marcha a recollida de plástico agrícola, para que os gandeiros e agricultores poidan xestionar os residuos de plásticos de silo e invernadoiro, empregados nas súas explotacións de forma axeitada.

Normas para a recollida:
- Recolleranse SÓ PLÁSTICOS DE SILO E DE INVERNADOIRO.
- Os plásticos deben estar o máis LIMPOS posibles e ATADOS.
- NON se poderán levar garrafas, pneumáticos, restos de podas ou calquera outro tipo de residuo.

LUGARES E DÍAS, onde os gandeiros e agricultores poden depositar os plásticos:

Dias: 23 E 24 DE FEBREIRO.
Os plásticos poderán depositarse os días 23 e 24 de febreiro DURANTE TODO O DÍA nos lugares indicados e serán recollidos o día 25.

Lugares:
- Parroquias de San Paio de Senra e San Martiño de Asperelo: campo da festa de Asperelo.
- Parroquias de Arnego e Carboentes: campo da festa de Carboentes, onde está o palco.
- Parroquia de Álceme: campo da festa de Álceme, xunto á igrexa.
En tódolos lugares haberá unha ZONA DELIMITADA e SINALADA para o depósito do plástico agrícola, PRÉGASE AOS USUARIOS QUE A RESPECTEN.

NON PODERÁ DEIXARSE PLÁSTICO AGRÍCOLA FÓRA DOS DÍAS SINALADOS, ATA NOVO AVISO POR PARTE DO CONCELLO.

Para máis información chamar ao Concello: 986790009 / 986790185

Entroido 2015

11 / 02 / 2015

Entroido 2015O vindeiro domingo 15 de febreiro terá lugar o Entroido polas rúas de Rodeiro.
O desfile comezará ás 17:30h dende a Avenida do Aviador Gumersindo Areán, a continuación, ao redor das 19:00h, concurso de disfraces amenizado por un grupo musical.
Haberá premios para as diferentes categorías: carrozas, grupos e individuais.

O martes 17 haberá xogos, desfile e karaoke para os máis pequenos. Terá lugar no centro cultural municipal "Manuel Lamazares" en horario de 17:30 a 20:30.

Descargas asociadas

Convocatoria de sesión extraordinaria do Pleno do Concello para o mércores día 11 de febreiro de 2015

05 / 02 / 2015

De conformidade co disposto no artigo 46.2 a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local e a solicitude dos Sres. concelleiros Don José Benito Vence Deza, Don Manuel García Deza e Don Alberte Lamazares Casero (RE núm. 101, do 02.02.15), que representan a cuarta parta do número legal de membros da Corporación, o Sr. alcalde asinou no día de hoxe a convocatoria da sesión extraordinaria do Pleno do Concello que se celebrará o vindeiro mércores día 11 de febreiro de 2015, ás 11:30 horas da mañá, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte:

Orde do Día

1º.- Debate sobre o estado do Concello baseado na presente lexislatura.
2º.- Solicitude de comparecencia ante o Pleno dos concelleiros-delegados para que expliquen cales foron as liñas mestras de cada área na presente lexislatura.

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos

04 / 02 / 2015

(Orde do 30 de decembro de 2014. DOG núm. 21 do 2 de febreiro de 2015)
Obxecto:
Establecer as bases e convocatoria para a concesión da prestación familiar por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015.

Persoas beneficiarias:
• Persoas que teñan ao seu cargo fillos/as menores de 3 anos na data de 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o 2/1/2012 e o 1/1/2015, incluídos) e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2013, non presentasen a declaración da Renda do citado exercicio 2013.

Requisitos:
• Que os proxenitores teñan a súa residencia habitual na Comunidade Autónoma galega.
• Que na data da solicitude os nenos/as convivan coa persoa solicitante.

Contía da axuda:
A axuda económica consiste nun pagamento único por cada fillo/a menor que a persoa solicitante teña ao seu cargo, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación. Contías:
Polo primeiro fillo ou filla 360 €.
Polo segundo fillo ou filla 1200 €.
Cando sexa o terceiro ou terceira e sucesivos: 2400 €

Documentación:
Documento de identidade da persoa solicitante.
Fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos/as menores de 3 anos.
Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.
Número de conta bancaria no que se desexa recibir a axuda.

Prazo de presentación:
Ata o 14 de marzo de 2015

Lugar de información e presentación de solicitudes:
Servizo de Educación Familiar Municipal

Programa de axuda ao alugamento de vivendas

04 / 02 / 2015

A través da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 convócanse, na anualidade de 2015, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013–2016. (DOG nº 11 do 19/01/2015).
A axuda económica mensual pode chegar ata o 40% do aluguer con un máximo de 2400 €/anuais por vivenda. A renda da vivenda, para o Concello de Rodeiro, non pode superar os 400€ mensuais.
Poderán ser beneficiarios/as aquelas persoas maiores de idade que teñan ou vaian ter un contrato de aluguer dunha vivenda e que esta constitúa a residencia habitual do titular ou titulares do contrato.
Terán preferencia as persoas con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero, vítimas de terrorismo, familias numerosas e persoas afectadas por desfiuzamentos.
Requisitos económicos: a unidade familiar non puido superar no ano 2013, último exercicio económico pechado, os seguintes ingresos:
A unidade familiar formada por unha soa persoa: 1 vez o IPREM
Cada persoa adicional de 14 anos ou máis computa 0,5 veces o IPREM.
Cada persoa adicional menor de 14 anos computa 0,3 veces o IPREM.
Prazo de presentación: o prazo de presentación para optar a esta subvención remata o vindeiro 19 de febreiro de 2015.
Información: para recibir máis información sobre este programa e a súa solicitude, poden dirixirse ao servizo de educación familiar (teléfono de contacto 986790185).

Plan de Alimentos 2015

04 / 02 / 2015

O Concello de Rodeiro, en función dos excedentes recibidos da UE, xestionados a través do FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) e distribuídos a través do banco da Cruz Vermella, abre o prazo para realizar a solicitude de acceso ao Plan de Allimentos 2015 para aquelas persoas e unidades familiares que cumpran os requisitos de acceso fixados nas Bases Reguladoras para o acceso ao Plan de Alimentos Procedentes do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), aprobadas en Xunta de Goberno Local a 20 de febreiro de 2013.
Poderán ser beneficiarios/as aquelas persoas e unidades familiares residentes no Concello de Rodeiro que se atopen nunha situación de precariedade económica e de especial vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.
Requisitos económicos: a unidade familiar non poderá superar mensualmente os seguintes ingresos:

Membros da unidade familiarIngresos máximos
1399.38
2463.28
3516.53
4559.13
5601.73
6644.53
7686.93

Dos ingresos mensuais totais da unidade familiar serán deducibles os gastos de aluguer ou hipoteca, así coma gastos fixos de electricidade, gas, medicacións, etc.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello e o prazo estará aberto todo o ano. Aquelas persoas beneficiarias do Plan no ano pasado deberán igualmente renovar a súa solicitude.
Para recibir máis información sobre este programa e a súa solicitude, poden dirixirse ao servizo de educación familiar (teléfono de contacto 986790185).
Na descarga asociada poderedes atopar o modelo de solicitude para este ano 2015

Descargas asociadas

Inspección técnica de vehículos agrícolas

30 / 01 / 2015

Comunícase para coñecemento xeral que a unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas acudirá a prestar servizo no noso Concello entre os días 16 e 26 de marzo de 2015 nos lugares e horarios que se sinalan no anuncio anexo.

Poderán pedir cita previa no teléfono número 902309000 ou a través da páxina web www.sycitv.com.

Descargas asociadas

Subvencións para actividades culturais e deportivas 2014

27 / 01 / 2014

No Boletín Oficial da Provincia núm. 16, correspondente ao día de hoxe, figura publicado o anuncio de convocatoria das subvencións para actividades culturais e para actividades deportivas correspondentes ao ano 2014. O prazo de presentación das solicitudes e da súa xustificación remata o día 9 de marzo de 2015.

As asociacións solicitantes das subvencións deberán utilizar os modelos oficiais de solicitude e de conta xustificativa que se poden descargar no enlace anexo. Lémbrase que se debe presentar una solicitude individualizada por cada unha das actividades para as que se soliciten subvención.

Ligazóns recomendadas

Axudas á natalidade 2014

16 / 01 / 2014

A Xunta de Goberno Local do Concello, na sesión celebrada o día 30 de decembro de 2014, acordou convocar as axudas á natalidade correspondentes ao ano 2014. O prazo de presentación de solicitudes será entre os días 16 e 31 de xaneiro de 2015, ambos inclusive. Os requisitos para poder optar as axudas así como o modelo de solicitude poden descargarse nos arquivos anexos.

Descargas asociadas


Ligazóns recomendadas

Adhesión do Concello ao “Punto xeral de entrada de facturas electrónicas do Estado (FACe)

07 / 01 / 2015

Por acordo da Xunta de Goberno Local de data 15 de decembro de 2014 o Concello de Rodeiro procedeu á adhesión do Concello á plataforma electrónica “FACe – Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas” da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, prevista na Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no Sector Público e na Orde Ministerial HAP/1074/2014, do 24 de xuño, pola que se regulan as condicións técnicas e funcionais que debe reunir o Punto Xeral de Entrada de Facturas Electrónicas, coa seguinte estrutura administrativa:

• Código oficina contable: L01360470
• Código órgano xestor: L01360470
• Código unidade de tramitación: L01360470

O que se fai público para xeral coñecemento en cumprimento do disposto na DA 6ª da citada Lei 25/2013.

Convocatoria de sesión ordinaria do Pleno do Concello para o luns día 29 de decembro de 2014

23 / 12 / 2014

O Sr. alcalde asinou no día de hoxe a convocatoria da sesión ordinaria do Pleno do Concello que se celebrará o vindeiro luns día 29 de decembro de 2014, ás 10:00 horas da mañá, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte:

Orde do Día

1º.- Aprobación de borrador de acta da sesión anterior.
2º.- Solicitude de adhesión íntegra ao Convenio subscrito entre o Organismo Autónomo Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e a mutua colaboración administrativa.
3º.- Apoio e adhesión á solicitude da Asociación de Empresarios de Deza á Xunta de Galicia dun Plan especial territorial de dinamización empresarial para a nosa bisbarra.
4º.- Dación de conta da aprobación do II Plan de Igualdade de Oportunidades (PIOM) do Concello de Rodeiro 2014-2017.
5º.- Rogos e preguntas.

Convocatoria de sesión extraordinaria urxente do Pleno do Concello para o venres día 19 de decembro de 2014

19 / 10 / 2014

O Sr. alcalde asinou no día de hoxe a convocatoria da sesión extraordinaria urxente do Pleno do Concello que se celebrará hoxe venres día 19 de decembro de 2014, ás 17:00 horas da tarde, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte:

Orde do Día

1º.- Ratificación da urxencia da convocatoria.
2º.- Resolución da reclamación interposta contra o acordo de aprobación inicial do orzamento xeral do Concello para o exercicio de 2014 e acordo de aprobación definitiva do mesmo.

Actividades de Nadal 2014

19 / 12 / 2014

Actividades de nadal 2014
Un ano máis por estas datas poñemos en coñecemento de tódolos veciños e veciñas a programación de Nadal para os vindeiros días.
Comezamos o sábado 20 polo Campionato Galego Mushing Terra, o V canicross en Rodeiro. Comezará a partir das 15:00 horas.
Actividades para os máis cativos, dende 3 a 12 anos, durante os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, de 10:00 a 13:30 no centro cultural municipal “Manuel Lamazares”. Onde os nenos poderán gozar de talleres, xogos, ginkanas, festas,...
As actividades son gratuítas e para apuntarse poderán facelo no 986790301 ou no e-mail info@rodeiro.org.
O venres 26 “contos susurrados” da man de Fátima Fernández, ás 18:00 horas no centro cultural “Manuel Lamazares”.
O peche das actividades será o día 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata de Reis, que comezará ás 18:30 e sairá da praza do Concello.

Programa de Termalismo Social- IMSERSO (Balnearios 2015)

18 / 12 / 2014

1. Beneficiarios/as:
Poderán acollerse ao programa, todas aquelas persoas que sexan pensionistas e conten cunha idade mínima de 60 anos; quedando exentos de cumprir esta condición as persoas que acudan en calidade de cónxuxe.
As persoas participantes deben valerse por si mesmas para as actividades da vida diaria e non padecer trastornos mentais ou enfermidades infecto-contaxiosas.
Ademais, deben precisar os tratamentos termais solicitados.

2. Destinos:
Os balnearios que se ofertan para este ano presentan unha ampla selección, xa que se pode solicitar praza en 13 Comunidades Autónomas distintas, sendo os correspondentes á nosa, os seguintes:
* Na provincia de A Coruña ofértanse os balnearios de Baños Vellos en Carballo e Santiago de Compostela en Brión.
* Na provincia de Lugo, Termas Romanas en Lugo (cidade), Rio Pambre en Palas de Rei, Hesperia Guitiriz (Guitiriz) e Augas Santas en Pantón.
* Na provincia de Ourense, os balnearios de Arnoia, Baños de Molgas, Carballiño, Laias e Lobios.
* Na provincia de Pontevedra ofértanse os balnearios de Acuña e Dávila en Caldas de Reis, Caldelas de Tui, Termas de Cuntis, Baños da Brea en Merza (en Vila de Cruces) e na Illa da Toxa.

3. Quendas:
A primeira quenda na que se pode solicitar praza inclúe dende o mes de febreiro ata agosto (ámbolos dous inclusive) e o prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de xaneiro de 2015.
A segunda quenda inclúe os meses de setembro a decembro e o prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 18 de maio de 2015.
Para maior información e formalización de solicitudes, poderán achegarse ao departamento de servizos sociais do Concello.

IV Concurso de Carteis Igualitarios

26 / 11 / 2014

Nesta edición do concurso inscribíronse catro carteis que por orde de presentación dos seus autores/as foron os seguintes:

1º Cartel realizado pola Asociación de Mulleres Rurais “Virxe do Faro”
2º Cartel realizado pola Asociación de Veciños de Carboentes
3º Cartel realizado por Yolanda Aguiar Jorge
4º Cartel realizado pola Asociación “Mocidade Kambota”

O cartel gañador foi o presentado pola Asociación de Mulleres Rurais “Virxe do Faro”, baixo o título “Non agardes á desesperación, Denuncia! ”.

Na descarga asociada poderedes ver tódolos carteis.

Descargas asociadas

Actuación de malasombra producións “GO ON!”

25 / 11 / 2014

O Concello de Rodeiro organiza unha actuación do grupo de teatro Malasombra o vindeiro venres 5 de decembro ás 21:30 horas no Centro Cultural Municipal. O espectáculo que van representar leva por título “Go on”. Malasombra producións S.L. fundouse no ano 2002 polo actor Xoque Carbajal e nace coma unha pequena compañía de teatro que da os seus primeiros pasos polas rúas de Compostela.
Hoxe, case unha década despois, está afianciada nun proxecto empresarial que non só xera cultura e ilusión, senón tamén postos de traballo, converténdose nunha empresa sólida de produción e distribución teatral.
Esta actividade forma parte do Programa Cultura no camiño 2014, organizado polo Concello de Rodeiro e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Actuación do mago Marttyn “Ilusionarte”

25 / 11 / 2014

O Concello de Rodeiro organiza unha xornada de maxia o vindeiro día 28 de novembro ás 18:30 horas no Centro Cultural Municipal. Actuará o mago Marttyn representando o seu espectáculo “IlusionArte”. Éste é o seu espectáculo estrela, perfeccionándoo cada ano para que o público goce cada vez máis da arte da ilusión. Unha hora de entretemento pensado para un público familiar, con maxia para todos os gustos, moita participación e música. Esta actividade forma parte do Programa Cultura no camiño 2014, organizado polo Concello de Rodeiro e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Curso de preparación das probas libres de ESO

24 / 11 / 2014

O vindeiro mércores 26 de novembro terá lugar unha primeira reunión coas persoas matriculadas no curso de preparación das probas libres para obter o título de ESO ou o acceso a ciclo medio de cara a concretar os horarios das clases e explicar en que consisten as probas, que metodoloxía se seguirá, etc.
A reunión será na biblioteca do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” ás 20:30 h.
Polo momento aínda quedan prazas libres para matricularse. As persoas interesadas poden dirixirse ao servizo de educación familiar municipal (tfno.: 986790185, educadora@rodeiro.org) ou ben acudir directamente á reunión para informarse.

Presentación do II PIOM do Concello de Rodeiro

21 / 11 / 2014

O vindeiro martes 25 de Novembro terá lugar a presentación pública do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Rodeiro (2014-2017).
O II Plan Municipal de Igualdade preséntase coma unha ferramenta básica para traballar en prol da igualdade entre homes e mulleres de forma transversal e coordinada entre os diferentes servizos, organizacións e axentes sociais. Un dos principais eixes de traballo nos vindeiros anos será a loita contra a violencia de xénero a través da prevención e o apoio ás mulleres que sofren cada día esta problemática.
A presentación realizarase no salón de actos do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” ás 20:30 h.
Dende o Concello de Rodeiro gustaríanos invitar a tódolos veciños e veciñas a esta presentación, así coma moi especialmente aos representantes dos distintos grupos políticos municipais, asociacións e axentes sociais.

A elaboración do II PIOM é un proxecto cofinanciado por Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia

Convocatoria de sesión extraordinaria do Pleno do Concello para o vindeiro luns día 24 de novembro de 2014

20 / 11 / 2014

O Sr. alcalde asinou no día de hoxe a convocatoria da sesión extraordinaria do Pleno do Concello que se celebrará o vindeiro luns día 24 de novembro de 2014, ás 10 horas da tarde, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte :

Orde do Día


Único.- Aprobación inicial do orzamento xeral do Concello para o exercicio de 2014.

Descargas asociadas

25 de novembro: Día Internacional contra a violencia de xénero.

19 / 11 / 2014

cartel gañador
O vindeiro martes 25 de novembro terá lugar a presentación dos carteis do IV Concurso de Carteis Igualitarios e darase a coñecer o gañador desta edición. A actividade desenvolverase no salón de actos do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” ás 20:00 h.
Recordamos que ata o luns 24 aínda se poden presentar propostas de carteis para o concurso.
O cartel elixido no ano 2013 foi o elaborado pola Asociación Mocidade Kambota, imaxe deste ano para a campaña de sensibilización ante a problemática da violencia de xénero que se está desenvolvendo a nivel municipal.
Así mesmo, como complemento a esta actividade, visitaremos a exposición “As mulleres alimentan o mundo”, que segue exposta ao público no Centro Cultural e que nos presenta o importante papel que desenvolven as mulleres nas diferentes partes do mundo.

O domingo 16 de novembro unha nova ruta do Programa “Rodeiro entre camiños” cun percorrido pola zona da fraga de Catasós

11 / 11 / 2014

Cabeceira fraga catasós
O vindeiro domingo día 16 de novembro terá lugar unha nova ruta dentro do programa de sendeirismo “Rodeiro entre camiños”, cun percorrido circular que arrincará dende a praza da igrexa de Lalín. Discorre nunha distancia aproximada de 15 quilómetros por terras do Concello de Lalín.

Descargas asociadas


Ligazóns recomendadas

IV Concurso de Carteis Igualitarios

10 / 11 / 2014

Este concurso é unha das actividades que se promoven dende o concello para sensibilizar á cidadanía en contra da violencia de xénero.
Invitamos a participar a todos aqueles veciños e veciñas que o desexen, tanto de forma individual como grupal e, moi especialmente, ás asociacións e colectivos sociais do Concello. Trátase de reflexionar sobre esta grave problemática e amosar o noso total apoio ás vítimas como institución e como sociedade.
Para a creación dos carteis só se establecen 3 pautas:
O seu tamaño máximo será en A3.
A idea que transmita busque loitar pola igualdade e rexeitar a violencia contra as mulleres.
A autoría do cartel non poderá quedar reflexada no mesmo para promover a obxectividade do xurado.
Os carteis poderán entregarse ata o luns 24 de novembro ás 14:00 h. no servizo de educación familiar do Concello. Tfno. 986790185. E-mail: educadora@rodeiro.org.
Animamos á participación nesta actividade, que terá como premio para o gañador a realización dunha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero no ano 2015, tal e como estamos a preparar co cartel gañador da anterior edición.
O 25 de novembro presentaranse os carteis ao público e elixirase o gañador a través dun xurado.

Curso de preparación das probas libres de ESO e acceso a ciclo medio

06 / 11 / 2014

O Concello de Rodeiro abre o prazo de matrícula para o novo curso de preparación das probas libres de ESO e de acceso a ciclo medio que se celebrarán durante o vindeiro ano 2015.
Esta aula de traballo está especialmente dirixida a aqueles mozos e mozas maiores de 16 anos que abandonasen os estudos sen ter o graduado en ESO e queren retomar os estudos ou completar a formación básica.
Dende o ano 2010 o total de matriculados/as en 1ª oportunidade para realizar a formación ascende a 44 persoas, das cales 36 chegaron a presentarse ás probas nalgunha ocasión. Destas, un 80%, aproximadamente, obtiveron a titulación en ESO ou o acceso a ciclo medio que lles permitiu continuar os seus estudos.
A metodoloxía baséase nos principios da educación de adultos, partindo dos coñecementos previos de cada participante e con un sistema semipresencial. Estableceranse 2 días de clases á semana que se complementarán con traballos a distancia.
O grupo será reducido, con un máximo de 10 participantes. O horario das clases negociarase entre os/as matriculados, podendo establecerse en turnos de mañá, tarde ou noite, segundo as necesidades dos participantes.
Custe da actividade: 20 € mensuais.

Para máis información contactar co Servizo de Educación Familiar. Tfno: 986790185,
e-mail: educadora@rodeiro.org

Ficha de recollida de propostas para o II Plan Municipal de Igualdade

05 / 11 / 2014

Dende o Concello de Rodeiro estamos a impulsar a creación e implantación do II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Para elo gustaríanos contar coa colaboración do conxunto da cidadanía de Rodeiro, para que nos ofrezan as súas aportacións, tanto a nivel individual coma en representación dos diferentes colectivos e asociacións.
Deseñamos esta ficha para que cada persoa ou entidade do noso concello poida colaborar aportando as súas inquedanzas e suxerencias.
A ficha unha vez cuberta pode entregarse directamente no Servizo de Educación Familiar do Concello ou ben enviala ao e-mail educadora@rodeiro.org.
O prazo para recibir propostas remata o vindeiro luns día 10 de novembro ás 14:30 h.

Descargas asociadas

Convocatoria de sesión ordinaria do Pleno do Concello para o vindeiro luns día 27 de outubro de 2014

23 / 10 / 2014

O Sr. alcalde asinou no día de hoxe a convocatoria da sesión ordinaria do Pleno do Concello que se celebrará o vindeiro luns día 27 de outubro de 2014, ás 10 horas da mañá, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte Orde do Día:

1. Aprobación do borrador da acta da sesión anterior.
2. Moción do concelleiro Sr. Salgado González relativa ao arranxo da estrada Pedroso-Maceira, nos concellos de Rodeiro e Lalín.
3. Moción do concelleiro Sr. Salgado González relativa ao estudo da permuta no lugar de Toiriz, parroquia de Arnego
4. Moción do concelleiro Sr. Lamazares Casero relativa á creación dunha Comisión informativa especial para tratar a degradación do medio ambiente en Rodeiro.
5. Rogos e preguntas.

Celebración do día da biblioteca. Xosé Tomás en Rodeiro

23 / 10 / 2014

O Concello de Rodeiro organiza unha actividade cultural co gallo de celebrar o Día das Bibliotecas. Terá lugar o vindeiro día 24 de outubro ás 10:30 horas no Centro Cultural Municipal. O ilustrador Xosé Tomás dirixirá un obradoiro de ilustración no que se debulla o proceso creativo das imaxes que interactúan coas palabras. Fará un paseo polos álbumes ilustrados, polo seu proceso de creación. Esta actividade forma parte do Programa Ler conta moito 2014, organizado polo Concello de Rodeiro e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Ligazóns recomendadas

Exposición “As mulleres alimentan o mundo”

22 / 10 / 2014

exposición
Dende o 20 de outubro e ata finais de novembro no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” contamos coa exposición “As Mulleres Alimentan o Mundo” da ONGD Panxea e cedida a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Esta exposición pretende incidir no eido da muller e o comercio xusto e responsable, concretamente busca atopar sinerxías entre mulleres do rural galego a as mulleres produtoras do Sur, que participan en proxectos ou iniciativas de comercio xusto. Quérese por de relevancia a importancia do papel da muller como provedora de alimentos no Sur e consumidora final no Norte, e a necesidade de abordar a desigualdade de xénero no ámbito da cooperación ó desenvolvemento.
Os diferentes paneis amosan o papel das mulleres como produtoras de alimentos, como consumidoras, a súa relación co comercio xusto, e como garantes da soberanía alimentaria.
A exposición poderá visitarse en horario de 09:30 a 13:30 h. e de 16:00 h. a 19:00 h.

II Plan de Igualdade de Oportunidades

22 / 10 / 2014

Dende o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Rodeiro estamos elaborando o II Plan de Igualdade de Oportunidades para o noso concello de cara a que estea listo a finais de ano. O Plan local de igualdade é unha ferramenta de traballo que analiza a situación do noso territorio en materia de igualdade dunha forma transversal e adaptada á nosa realidade concreta de cara a detectar potencialidades e deficiencias neste ámbito.
Este proxecto establecerá os campos de traballo e directrices a seguir nos vindeiros anos dende a administración local de cara a que a perspectiva de xénero estea presente en todos os ámbitos da vida do concello, tanto a nivel interno coma no que se refire á comunidade e cidadanía en xeral.
A través do plan estableceranse mecanismos de coordinación entre os diferentes departamentos do concello e coas asociacións e axentes sociais de cara a potenciar a igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero. Tamén permitirá adaptar as actividades e recursos que se programen ás novas circunstancias da actualidade e ás novas motivacións sociais que fai anos non existían.
Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.

Programa xuntos polo Nadal 2014

22 / 10 / 2014

Este ano ao igual que en anteriores, preténdese levar a cabo o Programa ” Xuntos polo Nadal ”; orientado ás persoas maiores (de 60 anos en adiante), que valéndose por si mesmas e contando con escasos recursos económicos, vaian a pasar en soidade as festas de Nadal.
Deste xeito, terán a posibilidade de desfrutar duns días de vacacións totalmente gratuítas para os solicitantes con rendas inferiores ó IPREM (532,51 € mensuais) e participación de 50 € no resto dos casos, e así poder compartir estas datas tan entrañables, nun clima de convivencia e participación, xunto con outras persoas que se atopen nas mesmas circunstancias.
Para os solicitantes da provincia de Pontevedra, ofertanse prazas na Residencia de Tempo Libre de Carballiño; na quenda comprendida entre o día 23 de decembro e o día 2 de xaneiro de 2015, data esta de regreso a casa.

A documentación a presentar para poder participar en ”Xuntos polo Nadal”, é a seguinte:

• D.N.I e Tarxeta Sanitaria

O prazo de presentación de solicitudes, rematará o vindeiro 15 de novembro de 2014.

Exposición ao público da lista provisional de candidatos a xurados

20 / 11 / 2014

De conformidade co previsto no artigo 13.4 da Lei Orgánica 5/1995, reguladora do Tribunal do Xurado, faise público para xeral coñecemento que a lista provisional de candidatos a xurados permanecerá exposta ao público na Secretaría do Concello entre os días 16 e 31 de outubro, ambos inclusive.

Os candidatos provisionalmente elixidos como xurados no Concello de Rodeiro son:

- Sindo Calviño Ledo
- José Diéguez Albor
- María Isabel Fernández Diéguez
- José Manuel García Rogel
- José Manuel Jorge Fernández
- Rosa María Moure Vázquez
- Tomás Rodríguez Rogel
- Miguel Vázquez Prieto

O período de vixencia dos candidatos elixidos rematará o día 31 de decembro de 2016.

Escolas deportivas provinciais

30 / 09 / 2014

O Concello vai participar por segundo ano consecutivo no programa de escolas deportivas provinciais da Deputación Provincial de Pontevedra, ofertando as seguintes modalidades deportivas:

- Fútbol
- Balonmán
- Patinaxe

As actividades están dirixidas a nenos/as con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos e desenvolveranse entre os meses de outubro de 2014 e maio de 2015 en instalacións de titularidade municipal.

A iniciativa é completamente gratuíta para os participantes e o prazo inicial de inscrición remata o vindeiro venres día 3 de outubro. Para elo os interesados deberán cumprimentar a correspondente folla de inscrición segundo o modelo que se adxunta. Porén, o prazo permanecerá aberto durante todo o curso escolar condicionado a existencia de prazas vacantes.

Descargas asociadas


Ligazóns recomendadas

Limpeza de fincas urbanas

10 / 07 / 2014

Os apartados 1 e 4 do artigo 9 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (modificada pola Lei 15/2004), do 29 de decembro, dispoñen que os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos nas condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade e que os propietarios de terras conservarán e manterán o solo natural e se é o caso a masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios, impedindo a contaminación da terra, o aire e a auga.
Recórdase a todos os propietarios de fincas urbanas, que deberán proceder á limpeza das mesmas, na maior brevidade de tempo posible, co fin de garantir as condicións de seguridade.
No caso de incumprimento das obrigas por parte dos responsables, se fose necesario, o Concello de Rodeiro poderá iniciar un expediente sancionador e un procedemento para a aprobación da correspondente orde de execución, que en caso de incumprimento pode levar aparellada a imposición de multas coercitivas de 300 a 6.000 euros, reiterables ata lograr a execución das obras precisas.

Programa de compostaxe doméstica

04 / 05 / 2014

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, ponse en marcha o Programa de Compostaxe Doméstica no Concello de Rodeiro.

¿Qué é o compost?
O compost é un abono natural con excelentes propiedades para o solo de xardíns e hortas, xerado a partir da reciclaxe de restos orgánicos.

¿Cómo se fai?
Os materiais orgánicos xerados no fogar, como os restos de comidas e podas, son introducidos nun composteiro no cal a descomposición biolóxica destes produtos produce un abono de gran calidade.

¿ Que se precisa para facer compost?
1. Un espazo axeitado na horta ou xardín.
2. Un composteiro.
3. Residuos de cociña e do xardín.
4. Un aireador (pá, pincho, etc).
5. Unha pá para recoller o abono obtido.
6. Auga.

¿Cales son os obxectivos deste programa?
- Reciclaxe dos residuos orgánicos para producir un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
- Reducir o volume dos residuos producidos.
- Fomentar a reutilización dos materiais antes de convertelos en residuos.
- Fomentar a separación selectiva dos residuos en orixe.

¿Quen pode participar no programa de compostaxe doméstica?
Persoas que residan nunha vivenda unifamiliar con horta ou xardín e que esa vivenda sexa o seu domicilio habitual.

¿Cal é o custe de participar no programa de compostaxe doméstica?
A participación é gratuíta.
O Concello subministraralles a todos os participantes un composteiro cunha capacidade de 320 litros para que poidan elaborar o compost a partir dos residuos orgánicos.

¿Realizarase un seguimento do programa?
A técnico de medio ambiente do Concello realizará visitas ás vivendas participantes para seguir o proceso de produción de compost e resolver as dúbidas que poidan darse.

¿Cómo podo participar?
Para participar no programa podes inscribirte no Concello ou ben por mail en medioambiente@rodeiro.org.
O formulario de inscrición está dispoñible na descarga asociada.
Dado que o número de participantes está limitado a 30, as inscricións serán atendidas por orden de entrada no rexistro municipal.
Teléfono de información: 986790009. Preguntar por Yolanda.

¿Cal é o prazo para inscribirse?
Os que estean interesados en participar poderán inscribirse do 5 ao 20 de xuño.

Descargas asociadas


Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008 · 2009 · 2010 · 2011 · 2012 · 2013 · 2014 · 2015

Formato RSS 2.0
By Abertal
Concello de Rodeiro; Praza da Fonte nº2; 36530 - Pontevedra; Tlfn: 986 790 009